CALDO son María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita), que presentan unha proposta de melodías tradicionais galegas integradas en novos contextos sonoros, xunto a pezas propias tinguidas das músicas europeas e atlánticas.
No seu 1º disco, formado por temas orixinais, CALDO emprega as pezas do repertorio de Moscoso como fío condutor do álbum. Este disco foi gravado en directo, para manter a esencia e a enerxía que desprenden nos seus concertos.
Tras a súa presentación na Sala Kominsky (Vigo), coa sala chea, viaxan a Sant Boi (Catalunya) ao Festival Rubrifolkum, onde compartiron escenario, entre outras, con Mercedes Peón. Dende abril seguen presentando o seu disco por salas de toda Galicia (Santiago, A Coruña, Ortigueira, Ourense…) e en festivais como o Festival Eira (Mos), What Is Music 2019 (Frías-Burgos) e no Espazo Paralaia dentro da programación do Festival do Mundo Celta de Ortigueira.
Creado con agarimo, CALDO resulta un prato musical delicioso, no que os ingredientes viven unha fusión natural que vai directa ao sentir do público. Neste proxecto apostan pola composición de temas propios así como pola revisión do repertorio tradicional galego, poñendo o foco na aldea de Moscoso (Pontevedra). Para isto, contaron co material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo.
Nos seus directos presentan temas gravados no seu álbum homónimo así coma novos arranxos e outros temas inéditos. Interpretan repertorio en formato trío: violín-guitarra-voz, o cal van deconstruíndo ao longo do show ofrecendo ao público outras combinacións a dúo como violín-guitarra, violín-voz, gaita-violín… creando así diferentes ambientes e timbres. Algo máis dunha hora de concerto onde a espectadora recoñecerá melodías tradicionais insertas en novos contextos sonoros, así como pezas de creación propia tinguidas da tradición das músicas europeas e atlánticas.
Contacto:
caldomusic.gz@gmail.com
https://www.facebook.com/caldo.gal/
https://www.instagram.com/caldo.gz/